O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá as persoas participantes no obradoiro dual de emprego ‘Mancomunidade do Salnés XVII’, no concello da Sanxenxo. Esta iniciativa conta cun investimento autonómico de 454.552 euros.
O obradoiro terá unha duración de nove meses e permitirá que os 20 participantes combinen formación teórica cun traballo efectivo nas especialidades de cociña e servizos de restaurante. Ao remate, obterán unha cualificación profesional que mellorará as súas oportunidades de inserción laboral.
Pablo Fernández destacou o apoio do Goberno galego á aprendizaxe dual, un sistema que facilita que as persoas desempregadas compaxinen teoría cun posto de traballo real con utilidade pública. Subliñou a importancia do sector da hostalaría na comarca, unha das zonas turísticas máis importantes do país, e a alta demanda de profesionais formados.
Na provincia de Pontevedra, a Xunta concedeu este ano un total de 24 obradoiros deste tipo, que formarán a máis de 450 persoas desempregadas cun investimento de case 11 millóns de euros.




