A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, explicou que se inician os traballos de recuperación do inmoble, que serán compatibles coa nova convocatoria para optar ao 2% cultural, á cal o concello volverá presentarse malia a exclusión provisional do seu proxecto. O goberno local xa solicitou información sobre a puntuación obtida polo proxecto de Lugo.
O proxecto global para a recuperación deste edificio contempla un investimento de 15,2 millóns de euros para rehabilitar os 4.240 metros cadrados do antigo cuartel e convertelo nun equipamento cultural de referencia para a conservación, investigación e divulgación do legado romano e castrexo de Lugo. A Administración local tiña reservados 3.800.308,90 euros para a súa achega municipal.
A primeira intervención centrarase na envolvente do edificio, cun investimento de 1.045.413,02 € para a renovación da cuberta (2.910 m² de lousa) e 0,71 M€ para o revestimento da fachada, a renovación da carpintería e da vidraría.
Ademais, acondicionarase o auditorio (122,8 m² con espazo para 90 prazas) no soto e habilitarase unha sala polivalente. Na parte traseira do edificio, na rúa Quiroga Ballesteros, crearanse unha praza pública axardinada e abrirase unha nova porta de acceso ao auditorio e sala polivalente. Para estas actuacións o orzamento é de 2,54 M€.
Tamén se realizarán traballos de arqueoloxía nunha área do patio de 139,62 m² e control arqueolóxico dos terreos da parte de atrás. O Concello tamén impulsará, coa colaboración da Xunta de Galicia (500.000 € orzamentados), a recuperación do Cuartel de San Fernando.




