Un home resultou ferido na tarde deste luns no concello coruñés de Santa Comba despois de que lle caese enriba un tronco. O suceso tivo lugar no lugar de Abuín, na parroquia de Ser.
O servizo de emerxencias 112 Galicia recibiu o aviso ás 17.15 horas por parte dun familiar da persoa ferida. Segundo a información proporcionada, a vítima non estaba atrapada pero requiría asistencia sanitaria urxente.
Tras o aviso, mobilizáronse ata o lugar do accidente o 061, a Policía Local e Protección Civil. Finalmente, o persoal sanitario desprazou o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela para trasladar ao ferido ao Hospital Clínico Universitario de Santiago.




