Oito empresas licitan a construción de 168 vivendas públicas en Garabolos (Lugo)

A Xunta de Galicia recibiu as ofertas para a promoción de vivendas eficientes enerxeticamente na avenida Paulo Fabio Máximo.

Oito empresas licitan a construción de 168 vivendas públicas en Garabolos (Lugo)

Xunta de Galicia · 2026-10-22

A Xunta de Galicia recibiu un total de oito ofertas de empresas para a construción de 168 vivendas de promoción pública na parroquia de Garabolos, no concello de Lugo.

Estas vivendas, cuxa obra foi licitada por preto de 30 millóns de euros (29.659.063,25 €), localizaranse na parcela A de Garabolos, urbanizada pola Xunta, cunha superficie aproximada de 3.336 m². A edificación proxectada ten unha superficie construída total de 25.443,44 m².
A promoción construirase na avenida Paulo Fabio Máximo, nunha contorna urbanizada e conectada con viarios, con parque público e zonas verdes próximas. O inmoble contará con vivendas de 1, 2, 3 e 4 dormitorios, todas con garaxe e rocho, e ademais terán terrazas. Dous fogares serán adaptados para persoas con mobilidade reducida.
As principais estancias das vivendas serán exteriores, buscando favorecer a entrada de luz natural e unha axeitada ventilación. Serán vivendas eficientes enerxeticamente, con aerotermia, paneis fotovoltaicos e puntos de recarga para vehículos eléctricos.
Información elaborada a partir da fonte oficial: Xunta de Galicia — Notas de prensa (portal central, cubre todas as consellerías) (22/10/2026)