A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático achega 194.500 euros para impulsar varias iniciativas en Chantada (Lugo) destinadas a mellorar a xestión de residuos. Estas accións inclúen a ampliación do punto limpo, a adquisición dun vehículo para a recollida separada de biorresiduos, a implantación da compostaxe e a recollida selectiva de residuos téxtiles.
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, e o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, visitaron as instalacións do punto limpo para supervisar o progreso das obras. O obxectivo principal é incrementar a superficie destas instalacións, que xa contan con equipamento para a recepción, separación selectiva e almacenamento temporal de residuos domésticos de características especiais.
O proxecto de ampliación contempla a construción de novos peches, soleiras e unha caseta de recepción e admisión. Estas melloras buscan optimizar a eficiencia na xestión dos refugallos de competencia municipal, promovendo espazos máis limpos, sostibles e saudables para a cidadanía.




