O Concello de Redondela presentou a súa programación oficial para conmemorar o Día Nacional de Galicia, que se estenderá durante dúas xornadas consecutivas. A celebración combinará actos tradicionais en Redondela con grandes concertos de música galega no Paseo Marítimo de Chapela.
A alcaldesa, Digna Rivas, destacou que a programación "pon en valor o orgullo pola nosa cultura, a nosa lingua e a nosa identidade a través de propostas musicais diversas e de calidade". Subliñou tamén a importancia de descentralizar as celebracións, levando un "gran cartel musical" a Chapela o día 25.
A xornada do venres 24 de xullo comezará na Praza da Torre ás 20:30 horas co acto institucional, seguido das actuacións folclóricas dos grupos redondeláns Anaquiños, Froles Mareliñas, Airiños de San Simón e O Carballo das Cen Pólas.
O sábado 25 de xullo, a festa trasladarase ao Paseo Marítimo de Chapela cun cartel de entrada libre que se prolongará ata a madrugada. As actuacións comezarán ás 20:30 con Noiteson, seguidos por De Vacas, Dakidarría e Hugo GZ.
A rexedora sinalou que a programación é "moi ambiciosa" e garante "dúas xornadas de celebración de gran calidade cos mellores grupos de música e baile tradicional de Redondela e grandes artistas do panorama galego". O Concello convida a toda a veciñanza e visitantes a participar nestas festas colectivas.
Parte desta programación conta co financiamento do programa +Música da Deputación de Pontevedra.




