A Biblioteca Pública Municipal da Guarda continuará a súa labor de mellora e actualización dos seus fondos bibliográficos. Isto será posible grazas á concesión de dúas axudas económicas procedentes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, cunha achega total de 3.151,54 euros.
Unha parte da subvención, concretamente 1.084,47 euros, corresponde ao Programa A. Esta liña de axudas está enfocada á adquisición de novidades editoriais en galego, co obxectivo de que as bibliotecas públicas e axencias de lectura poidan ofrecer aos seus usuarios os libros máis recentes no momento da súa saída ao mercado, en formato físico.
Ademais, a biblioteca recibiu 2.067,07 euros do Programa B. Esta subvención está dirixida á mellora das coleccións bibliográficas existentes. Permitirá actualizar e ampliar os fondos, contribuíndo a unha oferta máis completa, diversificada e moderna, e facilitando ao persoal técnico a optimización do servizo á cidadanía.
Os novos exemplares adquiridos a través destas axudas incorporaranse gradualmente ao catálogo da Biblioteca Pública Municipal da Guarda. Antes de estar dispoñibles para o público, os libros pasarán polo proceso técnico de catalogación, clasificación e preparación, polo que a súa incorporación será progresiva.
Con estas novas adquisicións, a Biblioteca da Guarda reafirma o seu compromiso coa actualización da súa colección e co fomento da lectura. Busca facilitar o acceso da veciñanza a novos títulos e promover a cultura galega na localidade.




