A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) quere agradecer o compromiso solidario da dirección e dos traballadores e traballadoras de Stellantis Vigo que esta semana superaron a barreira das 80.000 doazóns de sangue acumuladas desde o ano 1995, data do inicio das visitas das unidades móbiles da Axencia.
Na terceira visita anual das unidades móbiles da ADOS ás instalacións da factoría viguesa, celebrada os pasados 1, 2 e 3 de setembro, rexistráronse 492 doazóns de sangue. Destaca que o 4% dos doantes (19 persoas) participaban por primeira vez.
Esta é a terceira das catro campañas anuais que ADOS realiza en Stellantis Vigo. A axencia pon en valor a contribución desta empresa viguesa, que acumula un total de 80.316 doazóns desde o 5 de xullo de 1995. ADOS amosa o seu agradecemento a Stellantis Vigo, un referente do tecido industrial galego, polo seu compromiso coa sociedade e co xesto da doazón.
Stellantis Vigo acolle campañas de doazón de sangue desde hai máis de tres décadas, consolidándose como un referente a nivel estatal e sendo a empresa española con maior número de doazóns. Grazas á colaboración dos seus profesionais, puideron subministrarse compoñentes sanguíneos para máis de 40.150 intervencións cirúrxicas e transfundir plaquetas a máis de 16.000 doentes oncolóxicos.
ADOS salienta a constante implicación de Stellantis Vigo e agradece a participación de todos os traballadores e traballadoras que doan sangue.




