O documento, un contrato foral manuscrito, foi asinado polo Conde de San Román de Soutoxuste e o presbítero Dionisio de Amoedo, cura da parroquia de Santiago de Arcade. Nel, o conde acordaba co párroco o aluguer de propiedades a cambio do pago anual de corenta ducados e a entrega dun carro de leña semanal.
O veciño de Vigo, que desexa manter o anonimato, localizou os textos entre a documentación legada polos seus antepasados. Tras avaliar o seu interese histórico para o patrimonio local, formalizouse o acordo de cesión co Concello.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, agradeceu o xesto cidadán, destacando que "un patrimonio que estaba gardado nun ámbito privado pasa a ser público e de todos os redondeláns e redondelás". Sinalou que estes textos son "a proba das nosas raíces e da nosa identidade como pobo".
O Arquivo Municipal, co apoio da bolseira especialista en Historia Medieval Almudena Bouzón, procedeu á transcrición e dixitalización dos textos. Agora, a cidadanía e os investigadores teñen dispoñible tanto a copia dixital como a transcrición en texto moderno.
Este ingreso coincide co recoñecemento institucional ao departamento, xa que o Ministerio de Cultura elixiu á responsable do Arquivo, Ana Gesteira Ponce, para representar aos arquivos municipais na nova Comisión Técnica de Arquivos de Administración Local (CTAAL). Xunto co arquivo de Lugo, é o único representante de Galicia neste órgano.




