A peza, obra do escultor Jorge S. Peteiro Vázquez (1959-2013) e instalada en 1998, será trasladada a un taller especializado para o seu tratamento e coidado. Os traballos, que durarán ata decembro, buscan deter os procesos de degradación e garantir a súa preservación futura fronte á contorna mariña agresiva.
A escultura, concibida como un elemento cinético de gran visibilidade, é un referente paisaxístico da fronte marítima coruñesa e forma parte do patrimonio artístico contemporáneo municipal. A intervención inclúe a reparación superficial, a eliminación de produtos de oxidación, a aplicación de imprimacións anticorrosivas e acabados protectores, así como a reconstrución do mecanismo xiratorio.
A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que "esta peza leva case tres décadas de exposición continuada a unha contorna litoral agresiva que fai necesaria a revisión das súas pezas para mellorar o seu estado de conservación tanto agora como no futuro". O investimento total ascende a uns 15.000 euros.
Tras os traballos no taller, a estrutura será reinstalada e ensamblada no seu emprazamento orixinal, xunto ao acceso principal do Aquarium Finisterrae, na contorna da Enseada do Lago Morto.




