A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia anunciou hoxe a recepción de catro ofertas para a execución das obras de construción de 14 vivendas de promoción pública en Arteixo. A parcela, situada en Vilarrodís, foi cedida polo Concello e o investimento previsto para a obra ascende a 2,7 millóns de euros.
O novo edificio de promoción pública albergará 14 vivendas, ademais dos correspondentes garaxes e rochos. O deseño busca garantir que todas as estancias dispoñan de iluminación natural e vistas ao exterior, co obxectivo de crear fogares máis luminosos, confortables e de maior calidade.
En concreto, a distribución das vivendas inclúe nove unidades de dous dormitorios, unha delas adaptada para persoas con mobilidade reducida. Ademais, haberá tres vivendas de tres dormitorios e outras dúas de catro dormitorios.
O proxecto tamén ten en conta a integración do novo edificio na contorna urbana de Vilarrodís, buscando unha harmonía arquitectónica co tecido existente.




