A obra, que xurdiu a partir dun traballo académico para a materia de Cine de non ficción, céntrase nun home de orixe alemá que vive nas montañas de Galicia, afastado da modernidade. O documental, de 27 minutos, foi recoñecido polo xurado por construír un relato íntimo e próximo, atendendo aos xestos e respectando o silencio.
A peza, que xa fora un traballo de cinco minutos para unha materia do Grao en Comunicación Audiovisual, transformouse nunha obra que o propio Lozano describe como un "retrato observacional" da vida sinxela e da conexión coa natureza de Allen Robert Angelo.
“"Cando recibín o correo electrónico que me avisaba de que gañara, non o podía crer. Emocioneime moitísimo."
O festival Curtocircuíto, que celebrou a súa vixésimo terceira edición en Santiago de Compostela, seleccionou 16 obras para a sección Supernova, dedicada a primeiros traballos con potencial de difusión profesional. Lozano Ramírez recibiu un galardón dotado con 1000 euros, que considera unha gran motivación para seguir creando e que lle ensinou que "non fai falla ter moitos recursos para facer algo que realmente teña valor".
O xurado destacou a capacidade de Lozano para construír un "relato íntimo e próximo" sen concesións á inmediatez. Tras este recoñecemento, o estudante busca que 'El silencio de Allen Robert Angelo' sexa seleccionado noutros festivais.
Nesta edición tamén se seleccionaron outros traballos nacidos na Universidade de Vigo, como 'Oda á extinción' de Isabella Moreno, 'Persistencia do baleiro' de Isabella Moreno e José García Estévez, 'Unha e outra vez' de Alba Amoedo, 'Salir do limbo' de Antón Rodríguez, e 'Fun abalar a pedra que está no medio do mar' de Breogán Xague.




