A Universidade de Vigo forma parte do proxecto Reliable, unha iniciativa internacional financiada polo programa Erasmus+ da Unión Europea. O proxecto reúne investigadoras e investigadores de España, Portugal, Alemaña, Montenegro e Bosnia e Herzegovina co fin de modernizar os sistemas de educación superior dos Balcáns Occidentais a través da integración da intelixencia artificial (IA) no ensino, na aprendizaxe e nos procesos institucionais.
A participación da UVigo está coordinada polo catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Martín Llamas, do centro de investigación atlanTTic. O equipo complétano os profesores Manuel Caeiro e Fernando Ariel Mikic Fonte. Ao longo dos dous anos de duración da iniciativa, está prevista a incorporación de novo persoal investigador.
Con un orzamento de 400.000 euros, Reliable está coordinado pola Universidade Internacional de Travnik, en Bosnia e Herzegovina, onde xa se celebrou a reunión de lanzamento. O consorcio inclúe tamén o Instituto Politécnico do Porto, a Fachhochschule des Mittelstandes (FHM) de Alemaña, a Universidade Mediteran Podgorica e a Adriatic University Bar de Montenegro, ademais do Banja Luka College de Bosnia e Herzegovina.
O proxecto Reliable nace para afrontar os retos das institucións de educación superior dos Balcáns Occidentais, como o predominio de metodoloxías docentes tradicionais, as limitacións dixitais e o desaxuste co mercado laboral. Aposta pola intelixencia artificial para unha educación máis personalizada e eficiente, buscando mellorar as competencias dixitais do profesorado e reforzar a conexión universidade-mercado laboral.
A Universidade de Vigo terá un dobre papel. Por unha banda, o equipo de Martín Llamas coordinará unha acción formativa internacional sobre avaliación con IA, que se celebrará no campus de Vigo en decembro. Por outra banda, a UVigo desenvolverá a plataforma en liña para a formación do profesorado balcánico no uso destas ferramentas docentes.
“"O noso obxectivo é explorar como a IA pode apoiar a avaliación e a retroalimentación no proceso educativo, sen perder o papel central do profesorado."
Manuel Caeiro explica que empregarán iBeA, a evolución da plataforma BeA da UVigo, que incorpora intelixencia artificial xerativa para automatizar parte da avaliación e xerar propostas de retroalimentación.
O proxecto inclúe tres accións formativas internacionais. A primeira tivo lugar en Alemaña sobre ferramentas de apoio pedagóxico. A segunda será en Vigo en decembro, centrada na avaliación con IA e ferramentas como iBeA. A terceira, no Instituto Politécnico do Porto, abordará o uso da IA no labor docente. Estas iniciativas buscan transferir coñecemento e asegurar que a innovación chegue ás aulas.




