A iniciativa do BNG prodúcese despois de que o Goberno municipal desestimase o recurso de reposición presentado pola formación nacionalista contra o acordo que veta a comparecencia do rexedor. Segundo o BNG, esta decisión supón unha "grave vulneración de dereitos fundamentais" e un "atropelo antidemocrático", criticando que a resolución do alcalde "descoñece e non dá resposta á sólida argumentación e invocación normativa e xurisprudencial formulada no recurso".
O voceiro municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, lamentou que o alcalde pretenda que sexa a maioría absoluta socialista a que determine se debe ou non render contas ante o pleno municipal, baleirando de contido a convocatoria solicitada pola oposición para analizar a actuación municipal tras o accidente. Igrexas afirmou que a intención de Caballero é "reducir o Pleno extraordinario a unha pantomima".
A formación nacionalista sostén ademais que Caballero segue sen ofrecer explicacións públicas sobre o sucedido, a pesar de que transcorreron 682 días desde o accidente sen que o alcalde respondese a preguntas sobre unha atracción que, segundo as investigacións xudiciais, estaba a funcionar sen autorización municipal. "Un alcalde que se nega a dar a cara non é digno de ser alcalde", asegurou Igrexas, cualificando o silencio do rexedor como "unha indecencia inaceptábel e un vergoñento insulto".
O BNG vincula tamén a súa petición á recente decisión xudicial de manter a imputación da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, investigada por un presunto delito de homicidio por imprudencia. Para a formación, a comparecencia do alcalde resulta agora aínda máis necesaria tras coñecerse o auto xudicial que rexeita os argumentos da defensa da edil e mantén aberta a investigación.
Igrexas sinalou que o xuíz considera acreditado que a concelleira asinou a resolución que denegaba a autorización da atracción cando esta levaba xa case dous días en funcionamento, e que o fallo mecánico non foi o único relevante, senón tamén o feito de que a instalación operase sen autorización e sen medidas eficaces para impedilo. Por iso, o BNG reitera a esixencia de destitución inmediata da concelleira e reclama que o alcalde compareza para explicar a actuación do Goberno municipal.




