A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, instalou recentemente un total de 34 paneis informativos en diferentes puntos identificados polo risco de inundación nos ríos Cabeiro e Fondón e no rego de Chapela, ao seu paso polo concello de Redondela.
O obxectivo desta sinalización é concienciar á cidadanía sobre os perigos e implicacións asociadas a episodios de chuvia intensa, así como sobre as medidas preventivas e pautas de actuación recomendadas en caso de que estas chuvias se produzan nas áreas de risco potencial significativo de inundación (Arpsi).
Segundo se recolle no Plan de Xestión de Risco de Inundación (PXRI) da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, as Arpsi Rego de Chapela e Río Cabeiro pertencen ao grupo IV, mentres que a Arpsi Río Fondón pertence ao grupo I. Estes grupos clasifican as áreas fluviais segundo a súa perigosidade e risco de desbordamentos.
A colocación destes elementos, enmarcada no Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo de inundación (Pedarpsi), pretende mellorar a concienciación pública sobre a dinámica natural dos ríos e reforzar a seguridade cidadá. Esta iniciativa dá continuidade á instalación de paneis noutras zonas sensibles de Galicia-Costa.
Augas de Galicia xa sinalizou áreas de alto risco de inundación en 40 concellos galegos, incluíndo localidades como Gondomar, Ames, Sanxenxo, A Coruña, Vigo e Cangas, entre outros.
O organismo hidráulico utiliza diferentes formatos de carteis, como os xerais, que inclúen información específica e protocolos de actuación, e os infantís, adaptados aos máis pequenos.
Esta acción reforza o compromiso coa prevención e xestión sostible de eventuais asolagamentos, en colaboración coas administracións locais e autonómicas e en cumprimento do PXRI vixente ata 2027.
En Redondela, a instalación destes carteis supuxo un investimento de 13.132 euros e forma parte dun contrato máis amplo para a concienciación e divulgación do risco de inundación.
Ademais, dentro do Pedarpsi, desenvólvense obradoiros en centros educativos próximos ás áreas de risco para concienciar ás novas xeracións sobre os asolagamentos e a influencia das accións humanas no funcionamento das canles de auga.




