O Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) participará na G-Night 2026, a Noite das Persoas Investigadoras, que se celebrará o vindeiro venres 25 de setembro no Centro de Ocio A Laxe de Vigo. A iniciativa, liderada e coordinada pola Universidade de Vigo, reunirá a diversos centros do CSIC e outros organismos para achegar a investigación mariña á cidadanía a través de dúas actividades principais.
A xornada, que terá lugar en horario de 17:30 a 21:00 horas, busca presentar a ciencia á sociedade dun xeito participativo e accesible. O IIM-CSIC achegará dúas propostas para descubrir diferentes dimensións da investigación que se desenvolve no Instituto.
A primeira actividade, titulada "ANIMAIIS BAIXO AS ONDAS", será ofrecida polo Grupo de Ecoloxía Mariña Integrada, baixo a responsabilidade de Alexandre Alonso. Amosará e explicará técnicas de investigación para estudar o movemento e o comportamento de animais mariños nas nosas rías, incluíndo a telemetría acústica submarina para seguir os seus desprazamentos. Esta proposta enmárcase no proxecto CONECTEE.
A segunda proposta, "DENDE O MAR AO PRATO. Unha cadea de xogo", do Grupo MARsocial, con Katina Roumbedakis e Xochitl Édua Elías como responsables, ofrecerá un percorrido interactivo pola cadea de valor dun produto pesqueiro, dende a obtención no mar ata o consumo. A través dun xogo, os participantes coñecerán as etapas, decisións, e cuestións como a oferta e demanda, a pesca ilegal, o papel das mulleres no sector ou a resiliencia das comunidades costeiras.
Esta actividade tamén incluirá unha exposición fotográfica sobre diferentes pesqueiras globais. Ambas as investigadoras participan en proxectos financiados pola Unión Europea (SUCCEPHS) e a Xunta de Galicia (REGEN-SEA).
A participación do IIM-CSIC na G-Night forma parte do seu compromiso coa divulgación científica e a colaboración institucional, neste caso liderada pola Universidade de Vigo, para fomentar o encontro entre a ciencia e a sociedade.




