O titular da sanidade pública galega, acompañado pola reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa Crujeiras, e outros representantes académicos e da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (SEMERGEN), puxo en valor o traballo conxunto para afrontar os retos actuais e futuros do sistema sanitario.
Gómez Caamaño reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia coa formación sanitaria especializada, que este ano alcanza un novo máximo con 725 prazas dispoñibles para o exercicio 2026-2027. Delas, 207 están destinadas á medicina familiar e comunitaria, un dato que reflicte a aposta por este nivel asistencial.
O conselleiro tamén fixo fincapé no proceso de transformación que vive a sanidade galega, co obxectivo de reforzar o sistema e garantir unha atención de máxima calidade. Neste sentido, destacou a creación da nova Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria e o fortalecemento das direccións deste nivel nas sete áreas sanitarias, consolidando a atención primaria como eixo central.
Durante o acto, tamén se recoñeceu a traxectoria do doutor Juan Jesús Gestal, antigo decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, quen recibiu o Premio Cátedra de Educación Médica USC-SEMERGEN.
A Cátedra Médica USC-SEMERGEN, creada en 2016, é un espazo académico dedicado á docencia e investigación, froito da colaboración entre a USC e SEMERGEN. A súa sede na Facultade de Medicina e Odontoloxía de Santiago de Compostela fomenta a simulación médica, as habilidades clínicas e a formación continua, organizando cursos centrados na medicina de familia e a atención primaria.




