A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua, rubricaron esta tarde en San Caetano o acordo para executar as obras de humanización da Praza Pedro Fernández. A actuación suporá un investimento total de algo máis de 172.000 euros.
Este convenio, enmarcado no Plan Hurbe da Xunta, ten como obxectivo revitalizar a praza e homoxeneizar o núcleo de San Xoán de Río. Buscarase a conexión física e visual dos puntos estratéxicos do concello, fomentando a cohesión e proporcionando á veciñanza un espazo de calidade.
O departamento que dirixe M. Allegue apoia así ao Concello de San Xoán de Río, que xa leva tempo executando obras de recuperación de elementos arquitectónicos e viarios, mellorando a circulación e accesibilidade para revalorizar o patrimonio e afrontar o reto demográfico.
A praza obxecto deste proxecto atópase no centro neurálxico do municipio ourensán, rodeada polo bar do pobo (centro social), unha pensión con restaurante, unha área deportiva, o centro de saúde e a Casa do Concello.
A Xunta achegará o 70% do orzamento, máis de 120.000 euros, e encargaranse da contratación e execución das obras. O Concello de San Xoán de Río asumirá o 30% restante, algo máis de 51.000 euros, e o mantemento posterior.
Estas actuacións enmárcanse na colaboración continua entre a Xunta e as entidades locais para mellorar contornas urbanas, accesibilidade e equipamentos públicos, co fin de revitalizar o territorio e promover o desenvolvemento dos núcleos rurais como motores de dinamización.




