O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte organiza o mércores 7 de outubro, ás 19:00 horas, no Centro Sociocultural de Baio (concello de Zas), un encontro territorial. Esta xornada enmárcase dentro do proxecto de cooperación intraterritorial “Vía Mariana Luso Galaica”, desenvolvido ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo do programa Leader.
Baixo o título “Encontros para o desenvolvemento da Vía Mariana”, o evento busca dar a coñecer o proxecto, as súas posibilidades e recoller achegas de persoas e entidades interesadas na posta en valor deste itinerario.
A Vía Mariana Luso Galaica é un itinerario que recupera e conecta antigas rutas de santuarios marianos do norte de Portugal e Galicia. A iniciativa pretende revitalizar o medio rural a través da posta en valor do patrimonio cultural, relixioso, paisaxístico e etnográfico, xerando oportunidades vinculadas ao turismo e á economía local. Tamén se coñece como “O Camiño Feminino”, destacando a súa relación coa tradición mariana e o patrimonio cultural asociado ás mulleres.
Este proxecto de cooperación entre territorios está impulsado polo GDR Costa da Morte xunto a outros Grupos de Desenvolvemento Rural. Os encontros territoriais son clave para achegar o proxecto aos diferentes territorios polos que discorre a ruta e fomentar a participación de concellos, entidades, asociacións, empresas e axentes locais.
Desde o GDR Costa da Morte anímase a todas as persoas e entidades interesadas no patrimonio, o turismo, a cultura e o desenvolvemento rural a participar neste encontro para coñecer de primeira man as posibilidades que ofrece a Vía Mariana Luso Galaica para o territorio.




