A organización Hispania Nostra engadiu recentemente a igrexa parroquial de Santo André de Loboso, no concello de Pastoriza, á súa Lista Vermella de patrimonio en perigo. A decisión baséase no "avanzado estado de abandono" do templo e o consecuente "risco de perda dos seus valores históricos, arquitectónicos e patrimoniais".
Esta incorporación, xunto coa da fábrica de curtidos de Furelos (no municipio coruñés de Melide), eleva a 93 o número de elementos patrimoniais galegos que se atopan en situación de risco. Segundo a entidade, ambos os bens representan "dúas dimensións diferentes do patrimonio galego": a relixiosa rural ligada á vida comunitaria en Loboso e a industrial, testemuña da relevancia da industria do coiro en Galicia entre os séculos XVIII e XIX na fábrica de Furelos.
A igrexa de Santo André de Loboso, un pequeno templo de orixe tardogótico á beira do río Pequeno, foi centro da vida parroquial de varias aldeas lucenses durante séculos. Aínda que catalogada, atópase en "ruína xeralizada", sen cuberta, con muros agrietados e vexetación invadindo o interior, incluíndo árbores que medran dentro do templo.
Pola súa banda, a fábrica de curtidos de Furelos, fundada en 1817 e operativa ata 1960, era unha edificación preindustrial dedicada ao tratamento de peles. Actualmente, agás unha pequena dependencia usada para gandería, o conxunto está en "estado de abandono e ruína", con carencias estruturais e risco de colapso se non se actúa urxentemente.




