A popular banda galega The Rapants regresa a Ourense este sábado para actuar en Expourense, dentro do festival Ou Yeah!. A actuación servirá para presentar o seu máis recente traballo discográfico, Rapants Club, un disco que chega despois dunha xira de gran éxito que os levou a encher recintos como o Fontes do Sar de Santiago de Compostela ante 6.000 persoas.
O batería do grupo, Xaquín Martínez, mostrou o seu entusiasmo por volver á cidade das Burgas: "Ourense é unha cidade que nos dá algo especial e onde nos sentimos moi cómodos". A banda afronta o concerto con "moita ledicia" e agradece a demanda dos seus seguidores por actuar na localidade.
Sobre a polémica xurdida o ano pasado co alcalde de Ourense, Jácome, Martínez restoulle importancia, cualificándoa de "tontería" e "bricandeira". Explicou que a súa intención era facer memes sobre un vídeo viral do alcalde, "sempre o levamos en ton satírico e con humor" e desexou que "non nos garde rencor por iso".
O novo disco, Rapants Club, foi presentado ante unha multitude no Fontes do Sar. Martínez sinalou que a elección dun recinto máis grande foi unha aposta arriscada pero que "saíu todo xenial". A diferenza dos traballos anteriores, este disco contou cun ano de composición e produción, permitindo un "salto no son e na forma de traballar" grazas á colaboración con "xente moi importante dentro da produción musical".
O músico describiu o momento actual da banda como "incrible e inesquecible", aínda que recoñeceu que aínda non son "totalmente conscientes" do éxito debido á falta de tempo para "parar e asimilalo", vivindo "en piloto automático". Sorpréndelles a boa acollida dos concertos fóra de Galicia, mencionando unha actuación recente en Barcelona na mítica sala Razzmatazz.
Respecto ás críticas nas redes sociais, Martínez considera que "tamén é boa sinal que se fale de ti". Defendeu a identidade da banda fronte aos comentarios sobre o uso de castelanismos ou variantes dialectais: "Nós cantamos como falamos. É algo moi persoal e unha marca de identidade da que estamos moi orgullosos".
Martínez tamén comentou a súa presenza en celebracións de equipos de fútbol como o ascenso do Deportivo e o Celta, explicando que a banda ten "dous 'frontmans'" con preferencias distintas e que o importante é o apoio dos clubs á cultura. "O importante é que os clubes apoien á cultura. Levámonos moi ben cos dous e agardo que siga así", concluíu.




