A nova normativa, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, introduce un novo complemento retributivo para o persoal residente, denominado complemento de residencia, que se aplicará de forma progresiva dende o 1 de xaneiro de 2027 ata os 120 euros mensuais para o grupo A1 (MIR, PIR) e 90 euros para o grupo A2 (enfermeiro interno residente) en 2029. A partir de 2030, estas contías incrementaranse coa suba xeral que establezan as leis orzamentarias.
Ademais, mellóranse as retribucións da quinta garda e sucesivas para o persoal residente A1 dende o 1 de xuño deste ano, cun valor/hora que oscila entre os 21,21 euros para o primeiro ano e os 30,26 euros para o cuarto e quinto ano.
O acordo tamén contempla melloras no descanso compensatorio da garda do venres para o persoal hospitalario, que se poderá desfrutar nos 15 días seguintes á súa realización. Esta medida, así como a do descanso compensatorio para residentes, aplícase ás gardas realizadas dende o 4 de setembro deste ano.
Do investimento total de 12,6 millóns de euros, 8.810.126 euros destinaranse ás medidas que benefician aos residentes e 3.889.707 euros á implantación do descanso compensatorio das gardas presenciais de venres do persoal do Sergas. Estas melloras dan cumprimento ao acordo de fin de folga do 8 de maio acadado coas organizacións sindicais.




