O Congreso, que coincide coa celebración do 30 aniversario de Alumni España, desenvólvese en Santiago de Compostela e conta coa presenza de destacados representantes do sistema universitario español e portugués. O programa inclúe actividades institucionais, encontros e mesas redondas centradas nos desafíos actuais das universidades.
O acto inaugural tivo lugar no Salón Nobre do Colexio de Fonseca coa intervención da reitora Rosa M. Crujeiras; a presidenta de Alumni USC, Eva López Barrio, e o presidente de Alumni España, Antonio José Redondo García.
Durante o congreso presentouse a Federación Alumni Ibérica, unha iniciativa para reforzar a colaboración entre as comunidades universitarias de España e Portugal, favorecendo o intercambio de experiencias e o desenvolvemento de proxectos conxuntos. O acto contou coa presenza dos reitores das universidades de Alcalá, Huelva e Aveiro, e a vicerreitora da Universidade do Minho.
Na mesma sesión conmemorouse o 30 aniversario de Alumni España, coa presentación dun vídeo e dun libro conmemorativos e a entrega de distincións a Santiago Hierro Anibarro e José María Coello de Portugal.
O venres 30, o Congreso abordou a intelixencia artificial como ferramenta de xeolocalización de alumni e o impacto do patrocinio e mecenado nas universidades españolas. Tamén se recoñeceu a Cecilia Sierra como Socia de Honra de Alumni USC.
Como colofón, Alumni USC organizou no Parlamento de Galicia a entrega dos I Premios Alumni USC, recoñecendo a traxectoria de María Martinón Torres, Senén Barro Ameneiro, Isabel Perelló Doménech e Ángel Carracedo Álvarez.




