O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sinalou que esta iniciativa se presentou durante o acto de proxecto Ribadeo cardioprotexido, apoiado polo Goberno galego, no parque da rúa San Francisco. Alí, acompañado polo director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez, agradeceu a implicación do alcalde de Ribadeo, Alma Industries e a Fundación Española do Corazón.
Gómez Caamaño situou Ribadeo como o primeiro concello galego en estrear este modelo de protección sanitaria. A Xunta convocará unha orde de axudas para os concellos que desexen dotarse de desfibriladores e instalalos nas rúas, permitindo dispoñer fóra dos centros sanitarios de equipamento conectado as 24 horas co 061, con xeolocalización e material para intervir ante unha parada cardíaca.
O conselleiro destacou a importancia de que todos os concellos de Galicia se beneficien destas axudas, xa que a administración local coñece mellor as necesidades da súa veciñanza e pode identificar os espazos máis axeitados. Como medida complementaria, prevese accións formativas impartidas polo persoal do Hospital da Mariña dirixidas á cidadanía, asociacións, entidades deportivas, centros educativos e colectivos locais.
Ademais, a Xunta impulsa a formación en emerxencias con programas como RCP na Aula, co que o 061 xa formou a máis de 105.000 escolares galegos. A través da aplicación Sergas Móbil, facilítase información para localizar máis de 3.800 desfibriladores rexistrados en toda Galicia.
Durante o acto, o conselleiro tamén adiantou que o Servizo Galego de Saúde está a ultimar os trámites para licitar o proxecto construtivo do novo centro de saúde de Ribadeo. Este novo centro ampliará espazos asistencias, incorporará novos servizos e mellorará as condicións de atención, contando con seis consultas de medicina de familia, seis de enfermería, sala de toma de mostras, consulta de farmacia, dúas salas de técnicas, consulta de pediatría, matrona, programa da muller, educación sanitaria, odontoloxía, hixienista, fisioterapia e área de radioloxía. Tamén se reforzarán os espazos do PAC cunha sala de observación, box de críticos, consultas de medicina xeral e enfermería, e espazo para o 061.




