Un total de máis de 360 alumnos superaron os cursos de seis horas lectivas impartidos na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) durante o primeiro semestre deste ano. Estes cursos son necesarios para obter ou renovar a habilitación como persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, así como nos espazos e establecementos abertos ao público onde se desenvolvan.
A formación aborda aspectos fundamentais da normativa vixente, incluíndo aspectos básicos da lexislación de espectáculos públicos e actividades recreativas, así como normativas de xogo, igualdade e horarios. Tamén se tratan os dereitos e deberes das persoas usuarias, os dereitos fundamentais, o dereito de admisión e o réxime xurídico das persoas menores de idade. Ademais, inclúense contidos sobre medidas de seguridade, autoprotección, primeiros auxilios e protocolos en situacións de perigo.
Esta iniciativa formativa substitúe as antigas probas de coñecementos anuais e o test psicolóxico que debían superar os aspirantes antes da actualización do decreto. Agora, cunha formación mensual de seis horas, o proceso de habilitación acúrtase significativamente en comparación coas probas anuais previas á aprobación do Decreto 48/2021, que derrogou a normativa de 2010.
O Goberno galego, coa actualización deste decreto, busca unha regulación máis práctica e adaptada á realidade actual para o persoal de acceso, simplificando e axilizando os procesos tanto de obtención como de renovación da habilitación.
Entre as funcións principais do persoal de acceso atópanse o control de entrada de persoas, a comprobación da idade e identidade, a supervisión da adquisición de entradas, o control da capacidade máxima do recinto, a vixilancia para que non se excedan os límites de consumo de bebidas, a prohibición de acceso fóra do horario de peche e, se fose necesario, a asistencia a persoas feridas e a chamada a servizos de emerxencia.
Están previstas catro edicións máis desta formación ata finais de ano, sendo a próxima o 30 de setembro.




