O sector das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) en Galicia está a experimentar unha rápida incorporación de tecnoloxías disruptivas. A intelixencia artificial (IA) sitúase á fronte deste avance, gañando presenza tanto na actividade empresarial como nas necesidades de contratación e formación. Así o revela o informe Galicia Dixital. Tecnoloxías Disruptivas nas empresas TIC de Galicia. Edición 2025, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Segundo o documento, en 2025, o 67,4% das empresas TIC galegas utiliza IA ou incorpóraa aos seus produtos e servizos. Este indicador experimentou un crecemento do 76% nun ano e triplicouse desde 2021. Dentro das empresas que empregan IA, o procesamento da linguaxe natural é a tecnoloxía máis común (75,1%), seguido da aprendizaxe automática para a análise de datos (46,1%). Os usos principais concéntranse nos procesos de produción (65,3%), no marketing ou vendas (42,1%) e nas actividades de I+D e innovación (38,9%).
A evolución é positiva para as dez tecnoloxías analizadas. O Business Intelligence consolídase como a segunda máis estendida (52,4%), seguido da Internet das Cousas (38,1%) e o Big Data (36,6%). A robótica rexistra o maior avance relativo cun crecemento do 83,1%, alcanzando o 11,9% das empresas. Os chatbots tamén experimentan un forte impulso (48,8%), mentres que as tecnoloxías de telepresenza, realidade virtual, procesamento de imaxes e hologramas chegan ao 30,5%. O blockchain sitúase no 45,8%, os xemelgos dixitais e a simulación no 28,4%, e a impresión 3D no 31,9%.
O tamaño da empresa marca diferenzas na implantación. A IA é utilizada polo 79,3% das empresas con 10 ou máis traballadores, fronte ao 63,7% das de menor dimensión. No caso do Big Data, a diferenza é máis ampla, cun 60% nas empresas grandes fronte ao 29,3% nas pequenas. Os chatbots e o blockchain tamén mostran maior penetración nas empresas de maior tamaño.
Este avance tecnolóxico tamén se traduce nunha maior demanda de talento. A IA é a segunda área na que as empresas contrataron ou prevén contratar especialistas TIC (28,8%). Ademais, é a principal prioridade formativa, co 66,5% das empresas con especialistas TIC mostrando interese nesta área, 7,4 puntos máis que en 2024.




