O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, sinalou hoxe que este manual é un paso máis no apoio ao labor docente para asegurar unha mellor atención a cada alumno, desenvolvendo as súas potencialidades. Subliñou que a atención á diversidade é “unha das prioridades do Goberno da Xunta en materia educativa” para blindar un sistema de calidade, xusto e equitativo.
Estas medidas responden a iniciativas pioneiras como a ponderación do alumnado con necesidades á hora de conformar grupos, acordada en 2023, e o reforzo con 150 profesionais máis de atención á diversidade este curso en Secundaria (100 especialistas en Pedagoxía Terapéutica e 50 orientadores), ademais de consolidar 200 en Infantil e Primaria.
O novo manual ofrece orientacións concretas ao profesorado e aos centros desde a perspectiva do benestar emocional destes alumnos, con indicacións e exemplos prácticos para a abordaxe no centro escolar, na aula, nos espazos de lecer, na biblioteca ou no comedor escolar.
Inclúense recomendacións para o proceso xeral de acollida, a entrada na aula, programación e estratexias didácticas, o deseño de espazos inclusivos no tempo de lecer e o fomento das relacións sociais.
O sistema educativo galego destaca por ser o máis inclusivo de España, co 94,2% do alumnado con necesidades escolarizado en centros ordinarios fronte ao promedio estatal do 85,7%.




