O obxectivo principal destes proxectos, impulsados pola Consellería do Medio Rural, é deseñar e validar algoritmos capaces de predicir a produción agraria. A iniciativa céntrase inicialmente no cultivo da vide na Denominación de Orixe Protexida (DOP) Ribeiro e no millo forraxeiro na Mariña Lucense.
A finalidade é identificar e analizar as variables que inflúen nos rendementos dos cultivos, como as condicións meteorolóxicas, as características dos solos, as prácticas agronómicas e os datos históricos de produción. Con esta información, trabállase no deseño de algoritmos que permitan realizar estimacións anticipadas das colleitas, contrastando posteriormente os resultados coas producións reais para comprobar a súa fiabilidade.
O desenvolvemento destas ferramentas busca mellorar a planificación das campañas, optimizar recursos, reducir custos e facilitar a toma de decisións dos produtores, adegas, cooperativas e explotacións gandeiras. Ambos os proxectos desenvólvense no marco do Plan estratéxico da Política Agraria Común (PAC) 2023-2027.
A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) son os encargados de levar a cabo estes proxectos, coa colaboración da empresa galega FORTOP, especializada en xeomática e agricultura de precisión.
A elección do Ribeiro e da Mariña Lucense responde á necesidade de desenvolver e comprobar estes modelos en condicións reais e sobre cultivos concretos, antes de avaliar a súa posible aplicación a outras zonas xeográficas e producións agrarias de Galicia.
“"Non se trata só de predicir canto imos producir, senón de desenvolver ferramentas que nos permitan producir mellor, reducir custos, anticipar riscos e tomar decisións con maior información."
A Xunta busca así sentar as bases para avanzar cara a sistemas de predición das producións agrarias galegas, reforzando a investigación e a innovación para mellorar a competitividade e a sustentabilidade do sector.




