O director xeral de Pesca, Isaac Rosón, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez, reuníronse hoxe en Santiago coa Confraría de Pescadores de Pontedeume para analizar conxuntamente o estado dos recursos marisqueiros e coordinar accións.
No encontro, realizouse un seguimento da evolución das zonas de produción da ría e abordáronse as necesidades dos profesionais do marisqueo. Ambas partes destacaron a interlocución constante e o traballo coordinado entre a Xunta e o pósito para atopar solucións adaptadas á realidade da actividade.
Esta cooperación materialízase nun convenio de restauración e recuperación de hábitats marisqueiros, dotado con 398.531 euros. O acordo inclúe labores de control de especies competidoras e a remuneración directa dos mariscadores por estes traballos. A agrupación de marisqueo a frote presentará tamén medidas complementarias de rexeneración.
Ademais, repasáronse as medidas e apoios da Consellería do Mar ao sector, incidindo na vontade común de buscar novas vías de colaboración técnica e económica para consolidar a sustentabilidade biolóxica e a viabilidade dos bancos marisqueiros locais.




