Esta actividade, celebrada o pasado 14 de outubro de 2026, é a segunda dunha serie previa ao DATAfórum, que terá lugar na Coruña do 21 ao 23 de outubro. A primeira tivo lugar o 1 de outubro na Audiencia Provincial co alumnado do IES Eusebio da Guarda.
No acto estiveron presentes o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego; membros do persoal docente do colexio; a coordinadora do máster de avogacía da UDC, María Digna Braña, e varias alumnas da universidade; a xerente territorial de Xustiza de Galicia, Marta García Sande; a xuíza María Jesús García García; a fiscal María Nemiña Suárez, e persoal do servizo de Educación do Concello.
A vista simulou un caso de acoso escolar nun colexio ficticio, narrado polos propios nenos e nenas. O concelleiro Juan Ignacio Borrego destacou que o obxectivo é "sensibilizar ao alumnado e á comunidade educativa sobre as consecuencias do acoso escolar e o ciberacoso" e "atacar de raíz este problema que, por desgraza, ocorre con frecuencia nos colexios e que non debemos silenciar".
O DATAfórum 2026, que se celebrará na Coruña do 21 ao 23 de outubro, é un evento de referencia sobre a transformación dixital da Xustiza en España. Reunirá a 180 expertos e máis de mil asistentes, maioritariamente profesionais do sector xurídico, para abordar a aplicación da intelixencia artificial e outras tecnoloxías no servizo público de Xustiza.




