Un visitante inesperado, un xabaril, sumouse á celebración do San Xoán na parroquia de Vilachá, pertencente ao municipio de Boborás. O animal irrompeu na sardiñada popular organizada polos veciños, movéndose con total tranquilidade entre os comensais e chegando a alimentarse dalgúns dos pratos dispostos.
A curiosa escena, que se produciu na noite de San Xoán, foi capturada en vídeo e compartida pola rexedora de Boborás, Patricia Torres, quen relatou o suceso con humor. "Onte os veciños e veciñas de Vilachá, en Boborás, estaban celebrando o seu San Xoán cando tiveron unha visita do máis inesperada…", explicou a alcaldesa xunto ás imaxes.
As imaxes mostran como o xabaril pasea entre as mesas mentres os asistentes observan a situación con sorpresa. Nalgúns momentos, o animal achegouse para comer das viandas, aínda que non chegou a tempo para a empanada. A alcaldesa destacou a hospitalidade da localidade: "Apareceu por alí, sen avisar e sen estar convidado, pero como en Boborás a hospitalidade vai por diante, pois nada: servíuselle tamén a el. E, polo visto, deu boa conta das sardiñas que puido e que lle deixaron".
Patricia Torres definiu o acontecido como unha escena memorable e inaudita, propia de vivencias únicas: "Unha desas escenas inauditas que só se poden vivir aquí, vistas cos meus propios ollos e que quedan xa para contar".




