A xornada, impulsada por Feuga baixo o lema “Máis fortes xuntos: proxectos que transforman territorios”, congregou a representantes institucionais e proxectos Interreg SUDOE, POCTED, Atlantic Area e Interreg Europe no Auditorio de FEUGA. O obxectivo foi compartir experiencias e demostrar como a colaboración entre territorios permite afrontar retos comúns.
Máis de 60 asistentes participaron en catro mesas redondas moderadas por Juan Capeáns (La Voz de Galicia) e Andrea Veiga (GCiencia). Os debates centráronse na colaboración entre rexións, administracións, universidades e outros axentes para abordar desafíos transfronteirizos, incluíndo a xestión de incendios, o desenvolvemento de novas tecnoloxías, os retos do mar e o turismo.
A apertura institucional contou coa presenza de Mª Dolores Martínez-Abarca Carretero (Xunta de Galicia), Belén Muñoz Briongos (Ministerio de Facenda) e Delia Bonsignore (Comisión Europea).
A primeira mesa, “Cooperación para a xestión do territorio”, abordou a xestión forestal, a prevención e resposta ante incendios, a alerta temperá e os riscos do cambio climático. Relataron Mª Honorina Barrio (Xunta de Galicia), Manuel Martínez Piñeiro e Juan Picos Martín (Universidade de Vigo), e Marcos Araujo Pereira (Axencia Galega de Emerxencias). Presentáronse proxectos como USE4FOREST, CILUMES INTEROPERA, RAT_EOS PC, ALERT-PFAS, FIREPOCTEP+, FIRECOPTEP AVANZA e ATEMPO, enfocados na xestión de incendios e a contaminación.
O proxecto USE4FOREST busca estratexias innovadoras para a prevención de incendios no suroeste de Europa, mentres FIRECOPTEP mellora a resiliencia da “Raia” (fronteira hispano-portuguesa). ALERT-PFAS céntrase na contaminación por substancias “eternas” e ATEMPO na intelixencia artificial para unidades de emerxencia transfronteirizas.
A segunda mesa, “A innovación traspasa territorios”, explorou o papel da tecnoloxía na conexión rexional. Andrés Gómez Tato (CESGA) presentou QUANTUM IBERIA, enfocado en tecnoloxías cuánticas e IA, e Aldara Vázquez Rodríguez (AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal) expuxo INOV IACOBUS. Gómez Tato destacou a importancia da cooperación para impulsar tecnoloxías custosas, mentres Vázquez sinalou que “o que quedan son as redes que se tecen entre institucións”.
A terceira sesión, “Un mar compartido, retos compartidos”, centrouse na protección e sostibilidade mariña. Participaron Cristina Piñeiro Corbeira (Universidade da Coruña, proxecto Marest), Luis Miguel Botana López e Rufino Vieira Lanero (Universidade de Santiago, proxectos REVALGAE e DiadSea), e Carlota Freiría (UVigo, rede MARINNONET).
Os proxectos presentados inclúen a conservación de bosques de kelp (Marest), a revalorización de algas invasoras (REVALGAE), a xestión de peixes diádromos (DiadSea) e a biotecnoloxía mariña (MARINNONET). Concluíuse que o mar, como os incendios, require respostas compartidas.
Finalmente, a mesa “Turismo e patrimonio: cooperar para medrar” explorou o potencial do turismo, a cultura e o patrimonio como elementos de conexión territorial. Participaron representantes de proxectos como POST, EnoGastroDEST, Visit Rio Minho, Tourism 4SDG e Ultreia SUDOE.
Proxectos como POST buscan un turismo máis sostible e distribuído, mentres EnoGastroDEST facilita o intercambio de boas prácticas turísticas entre 10 rexións europeas. Galicia reafirma así o seu papel como espazo de encontro para a cooperación territorial europea.




