A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asistiu hoxe á descarga de centola na lonxa de Ribeira, coincidindo cos primeiros días da campaña extractiva 2026-2027. Durante a visita, a responsable autonómica destacou a calidade deste crustáceo e a importancia da súa comercialización para a actividade económica da frota artesanal e das lonxas galegas.
Villaverde interesouse polo desenvolvemento das primeiras xornadas e polas impresións do sector. Puxo en valor a boa calidade dos exemplares capturados, aínda que as primeiras descargas presentan resultados desiguais entre portos debido ás condicións meteorolóxicas.
Os primeiros datos de comercialización reflicten unha evolución positiva das cotizacións, cun prezo medio de 15,66 euros por quilo nas dúas primeiras xornadas, un incremento superior ao 20% respecto ao mesmo período da campaña anterior. Esta subida produciuse cunhas descargas menores, polo que se agarda a evolución das vindeiras semanas para avaliar a actividade.
A titular de Mar salientou o peso da lonxa de Ribeira na comercialización deste recurso, sendo un dos principais puntos de venda de centola de Galicia. Na pasada campaña 2025-2026, esta lonxa rexistrou a venda de 67.530 quilos, cunha facturación de 965.343 euros e un prezo medio de 14,30 euros por quilo. O porto conta con 53 embarcacións autorizadas para a captura desta especie.
No conxunto de Galicia, a última campaña pechouse cunha facturación de 6,57 millóns de euros, a maior da serie histórica, tras comercializarse 425.910 quilos de centola. Estas cifras supuxeron un incremento do 8,5% no valor das vendas respecto á tempada anterior, malia a redución do volume de capturas.
A campaña da centola permanecerá aberta no litoral comprendido entre a desembocadura do río Miño e Estaca de Bares, mentres que na costa lucense comezará o vindeiro 30 de novembro. O plan experimental de xestión establece unha cota máxima diaria de 35 quilos por embarcación, máis outros 35 quilos por cada tripulante a bordo, para garantir unha explotación ordenada e sostible.




