A actuación responde á demanda dos clubs Petanca Lugo e Petanca Muralla, así como de particulares que utilizan estas instalacións e solicitan espazos cubertos para practicar este deporte durante todo o ano.
As novas pistas estarán situadas nas inmediacións das dúas pistas de petanca coas que xa conta o parque de Frigsa, ampliando así a dotación deportiva deste espazo. Segundo recolle a memoria técnica, cada pista terá unhas dimensións regulamentarias de 15 por 4 metros e as tres estarán integradas nunha única superficie, sen separación física entre elas. Contarán cunha cuberta sobre estrutura metálica e paneis tipo sándwich.
O proxecto técnico deberá definir tamén a instalación de iluminación, a previsión dunha nova subministración eléctrica e os traballos complementarios necesarios para o funcionamento das pistas, entre eles a drenaxe, a pavimentación dos accesos, a dotación de mobiliario urbano e a adaptación das instalacións de rega existentes.
A contratación da asistencia técnica para a realización deste proxecto tramítase mediante un contrato menor cun orzamento base de licitación de 2.700 euros, sen IVE, que ascende a 3.267 euros co imposto incluído. O prazo previsto para a redacción e entrega do proxecto é de 20 días naturais desde a comunicación da adxudicación.
As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica do Concello de Lugo ata o 13 de novembro de 2026.




