A actuación, valorada en máis de 200.000€, busca fomentar a mobilidade sostible e mellorar a accesibilidade na ruta, separando o tránsito de persoas do tráfico de vehículos na estrada N-550.
O proxecto inclúe a execución dunha senda e unha pasarela peonís de aceiro corten de 22 metros de lonxitude sobre o río Sionlla, ademais da mellora da sinalización e a execución de pavimentos flexibles. O obxectivo é xerar un espazo seguro de comunicación dende a desembocadura do Camiño na beira norte do río ata a estrada de acceso ao CEIP Arquitecto Novoa.
A licitación foi publicada na plataforma de contratación pública Contratos de Galicia. O prazo de presentación de propostas remata o vindeiro 1 de decembro.
Esta iniciativa forma parte do Plan de mellora da seguridade viaria dos camiños de Santiago, dotado cun orzamento de ata 40 millóns de euros, que prevé reformas en máis de 150 quilómetros de nove rutas, coa vista posta no Ano Santo 2027.




