O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, asinaron hoxe un convenio no Pazo de Goiáns para financiar a conservación do lagar de sidra, a vivenda e as cabalarizas deste conxunto patrimonial. As edificacións presentan un importante deterioro e precisan obras de consolidación para garantir a súa preservación.
A actuación conta cun investimento total de 252.332,38 euros. A Deputación achegará 201.865,90 euros (o 80 %), mentres que o Concello de Boiro aportará os 50.466,48 euros restantes. Estas obras darán continuidade á recuperación deste espazo histórico, tras intervencións previas no edificio principal e na capela.
Valentín González Formoso destacou a importancia da colaboración para conservar un espazo "moi vinculado á historia e á identidade de Boiro", sinalando que "damos un novo paso na recuperación do conxunto para a veciñanza" e que son "252.000 euros moi ben investidos" que lle darán "unha faciana moi distinta ao pazo".
Pola súa banda, o alcalde, José Ramón Romero, lembrou a rehabilitación da capela o ano pasado coa axuda da Deputación e cualificou a obra como "necesaria" para "conservar estes inmobles que están moi degradados, que non teñen teitume".
As obras incluirán a reconstrución das cubertas, o saneamento e consolidación de muros de pedra, o acondicionamento de solos e a instalación de portas e ventás, ademais dun sistema de recollida de augas pluviais. O obxectivo é frear o deterioro e protexer os inmobles para a súa futura recuperación funcional.
Durante a visita, tamén se supervisaron as obras da estrada DP-1105 entre Noia e Boiro. Esta última fase, cun investimento de 262.000 euros, completará a mellora dos 15,6 quilómetros da vía, que xa recibiu 1,5 millóns de euros en fases anteriores. Os traballos céntranse na renovación do firme, melloras na drenaxe, limpeza de marxes e sinalización, incluíndo a recolocación dun paso de peóns e a execución de beirarrúas.




