O pleno do Concello de Lugo aprobou este xoves por unanimidade o nomeamento do doutor Mariano Castiñeira como Fillo Adoptivo do municipio. Trátase dun recoñecemento a título póstumo, xa que este médico, adestrador de varias xeracións de atletas lucenses, faleceu no ano 2020.
A alcaldesa, Elena Candia, cualificou a distinción como “un recoñecemento merecido, a unha persoa moi querida e respectada que deixou pegada pola súa profesionalidade, o seu compromiso e, sobre todo, a súa calidade humana”.
O portavoz do grupo municipal socialista, o exalcalde Miguel Fernández, destacou que o recoñecemento a Mariano Castiñeira “transcende calquera confrontación política e responde ao sentimento de numerosas entidades deportivas, deportistas e persoas vinculadas ao deporte lucense”. De feito, estas entidades levaban anos defendendo a necesidade deste nomeamento.
Fernández afirmou que “Mariano Castiñeira forma parte da historia deportiva da cidade”. Engadiu que “a súa dedicación, o seu compromiso e a súa capacidade para impulsar o deporte de base e o asociacionismo deportivo, convertérono nun referente para varias xeracións de lucenses”.
Co seu nomeamento como Fillo Adoptivo búscase recoñecer unha “traxectoria persoal exemplar” e unha forma de entender o deporte baseada “en valores como o esforzo, a participación e o compromiso coa comunidade”.
A alcaldesa Candia destacou que acordos coma este demostran que, “por riba das diferenzas, sempre é posible sumar cando se trata de recoñecer a quen contribuíu a facer un Lugo mellor”.




