Durante anos, a deterioración do servizo ferroviario foi asumida con resignación, pero o panorama está a cambiar. Colectivos veciñais, expertos e administracións locais comezaron a exercer presión para esixir unha rede ferroviaria "digna, moderna e útil". En Ferrol, o Foro Cidadán polo Ferrocarril leva un ano de mobilización constante en defensa do tren, organizando conferencias e actos públicos para concienciar á cidadanía e logrando sentar a representantes con diversos concellos e coa Xunta de Galicia.
A demanda principal da poboación é poder viaxar en tren de forma segura, cómoda e con horarios útiles. Isto implica dispoñer de alternativas reais e non de servizos "testemuñais e a horas estrañas". A realidade actual está "moi lonxe" dese obxectivo, tanto en Lugo como en Ferrol, aínda que con "diferenzas significativas".
No caso de Lugo, a situación é precaria, con carencia de conexións tanto coa súa contorna inmediata como con outros núcleos importantes como A Coruña ou Ferrol, ademais dunha débil relación ferroviaria co resto da península. En moitos destinos apenas existe un tren ao día, o que limita calquera posibilidade de uso cotián. A conexión Lugo–A Coruña, que por estrada apenas supera unha hora, alóngase en tren ata entre 1 hora e 48 minutos e 2 horas e 16 minutos, cunha oferta mínima e horarios pouco operativos.
A situación en Ferrol é aínda máis crítica. A cidade naval arrastra graves problemas estruturais na súa infraestrutura. A liña que a conecta con A Coruña data de 1913 e nunca foi obxecto dunha reforma integral. O seu trazado, deseñado orixinalmente para o transporte de mercadorías, presenta deficiencias como curvas e pendentes pronunciadas que limitan severamente a velocidade dos trens. A isto súmase o uso de "sistemas de sinalización e control obsoletos" e "material rodante antigo", resultando nun servizo lento e ineficiente: 68 minutos para cubrir o traxecto entre Ferrol e A Coruña, con 11 paradas intermedias e sen trens directos.
O illamento de Ferrol esténdese á súa conexión co resto de Galicia, sen servizos directos a Santiago, Ourense, Vigo ou Lugo. A liña de vía estreita que percorre o norte pasando por Ortigueira, Foz, Burela ou Ribadeo tamén é antiga e con tempos excesivos, o que fai que este corredor xeográfico e económico estea "completamente penalizado" en termos ferroviarios. Paradoxalmente, Ferrol é a única cidade do norte galego que conta con servizo de proximidade.
As conexións entre Lugo e Ferrol evidencian o deterioro do sistema ferroviario, sen trens directos e con traxectos que poden oscilar entre 2 horas e 43 minutos e case 8 horas, con esperas intermedias de máis de cinco horas e horarios pouco funcionais.
Con todo, Lugo presenta algunhas perspectivas de mellora. Está a piques de inaugurarse a liña electrificada entre Lugo, Monforte e Ourense, e existe un estudo de viabilidade para unha conexión rápida con Santiago que permitiría cubrir o traxecto en uns 45 minutos. Este proxecto implicaría a construción dun tramo de apenas 30 quilómetros entre Curtis e Sigüeiro. Ademais, tras a inauguración da estación intermodal prevista para xuño, estase a considerar a posibilidade de implantar servizos de proximidade na contorna de Lugo, por exemplo cara a Sarria. Nada disto, polo momento, se albisca en Ferrol, onde a presión social arraigou con máis forza da man do Foro Cidadán polo Ferrocarril.




