A xornada festiva, que se prolongará durante todo o día, ofrecerá actividades de ocio gratuítas dirixidas a todos os públicos. Os postos de artesanía estenderanse polas rúas Tinería e Miño, convertendo o barrio nun mercado ao aire libre.
Un escenario situado entre as rúas Tinería e Miño será o punto central das actuacións musicais e de lecer. Dende as 12.00 horas, haberá un espectáculo de monicreques a cargo de Ton Arenas, seguido dun concurso de karaoke e a sesión do DJ Celex Facela. A partir das 20.00 horas, a música continuará con concertos de Mad Martin trío e Malenne.
As propostas musicais complétanse coas intervencións de DJ Kiko López e DJ Jimbo, que pincharán ás 17.00 horas na Tinería 15 e no establecemento O Portón, respectivamente.
Ademais da música e a artesanía, a festa tamén inclúe iniciativas solidarias. Os obradoiros de artesanía serán impartidos por Tres Caracois no Portón e por Marga Portomeñe no seu local da rúa Miño. Dende as 17.00 horas, celebrarase a iniciativa solidaria Barbeiros pola rúa no cruce das rúas Miño e Falcón.
Na presentación do evento estiveron presentes o delegado da Xunta, Alfonso Villares, quen destacou a aposta do goberno galego pola rehabilitación urbanística e socioeconómica do barrio, e a alcaldesa, Elena Candia. Tamén participaron artesáns e empresarios da zona, co obxectivo de promover o descubrimento deste enclave lucense.




