O Concello de Chantada continúa co seu plan de modernización das instalacións deportivas municipais. Tras recentes actuacións no campo de fútbol de Sangoñedo e nas pistas de tenis, así como na Piscina Climatizada coa renovación da ventilación, agora céntranse no Pavillón Polideportivo Municipal.
No pavillón, estase a preparar unha mellora estética da fachada, que xa recibiu unha capa provisional de pintura e na que se substituirá o letreiro actual. Creouse unha nova imaxe co deseño de Trece Trazos, que decora con grafiti vermello o acceso e con grafiti verde a parede da pista baixo o marcador.
Durante o verán, tamén se aproveitaron para repoñer elementos danados polo paso do tempo, as condicións climatolóxicas ou actos vandálicos. Repuxéronse planchas na cúpula central, substituíronse portas danadas de vestiarios e baños, actualizouse mobiliario destes últimos e cambiáronse os asentos dos chanzos e cristais rotos. No interior, tamén se adecentarán as partes de parqué danadas.
As melloras no Pavillón Municipal, financiadas con fondos propios, superan os 10.000€. Pola súa banda, na Piscina Municipal Climatizada estanse a realizar traballos de mantemento e reparacións, limpeza e nova pintura especial, cunha achega municipal de 30.000€.
Estas actuacións periódicas buscan manter actualizadas as instalacións deportivas e mellorar a confortabilidade dos usuarios.




