A firma tecnolóxica catalá Invelon Technologies será a encargada de deseñar o novo centro de visitantes e a experiencia inmersiva exterior do Museo 24/7 da Carballeira e o Xardín Botánico de Caldas de Reis. O tenente de alcalde, Manuel Fariña, confirmou a adxudicación, destacando a alta valoración técnica de 91 puntos sobre 100 obtida pola empresa, especializada en solucións de realidade virtual. A oferta económica ascende a 378.000 euros, o que representa unha redución significativa respecto ao orzamento base de licitación de 471.960 euros.
O proxecto prevé a conversión das salas de exposición do actual Auditorio Municipal nun espazo interpretativo de última xeración. Segundo o responsable de Cultura, o obxectivo é crear un “espazo interpretativo diferencial que será referente do turismo intelixente e automatizado”. A iniciativa busca conectar o público co patrimonio natural e a historia local, empregando a tecnoloxía para explicar os valores do Ben de Interese Cultural (BIC) dun xeito eficiente e emocional.
Unha das características máis salientables deste novo centro será o seu funcionamento ininterrompido, 24 horas ao día, 7 días á semana. Grazas a un sistema autoxestionado e domotizado, o recurso eliminará as barreiras horarias tradicionais, facilitando o acceso á experiencia a peregrinos e turistas en calquera momento.
“"O auditorio non só informará, senón que emocionará, convertendo a visita nunha viaxe polos sentidos que conecta o termalismo decimonónico e a botánica científica cos intereses, referencias e preocupacións actuais do público."
A intervención de Invelon Technologies non se limitará ao interior do edificio. A empresa desenvolverá ferramentas de realidade aumentada e capas de información TIC para a exploración do Xardín Botánico e a Carballeira, revelando elementos “invisíbeis” ao ollo humano. Ademais, o proxecto inclúe un videoproxección no Paseo dos Plátanos, onde o chan se transformará nun tapiz dinámico cunha animación proxectada en secuencia continua de 90 segundos, completando así a experiencia inmersiva do conxunto natural.




