A peza audiovisual, dirixida por Violeta Ramos e Daniel Vázquez Vila, está impulsada polo Concello de Mondoñedo, co apoio da Xunta de Galicia, co obxectivo de recuperar a memoria e valorar a traxectoria desta galega. Andrea López Chao participou no I Congreso Nacional de Mulleres de Cuba en 1923 e foi unha voz pioneira na defensa dos dereitos das mulleres no ámbito transatlántico.
O municipio mindoniense continúa así a súa homenaxe a López Chao, iniciada en 2022 coa colocación dunha placa no Parque da Lembranza e a dedicación dunha rúa o ano pasado. A Cátedra de Lingua e Literatura galegas Neira Vilas da Universidade da Habana tamén desenvolve citas anuais para afondar na achega das mulleres galegas en Cuba.
Andrea López Chao trasladouse a Cuba a principios do século XX para encargarse da instrución que o Centro Galego ofrecía aos emigrantes galegos. Destacou polo seu compromiso social e participación en iniciativas feministas, motivada pola falta de atención sanitaria e social a mulleres galegas vulnerables no hospital Hijas de Galicia-Concepción Arenal, considerada a maior iniciativa asistencial para mulleres emigradas do mundo.




