A autora, nacida en Praga e formada en Literatura Comparada nos Estados Unidos, desenvolveu unha traxectoria vinculada á tradución e difusión da literatura centroeuropea, dando a coñecer en castelán e catalán a autores como Bohumil Hrabal, Jaroslav Hašek, Václav Havel, Milan Kundera, Anna Axmátova ou Marina Tsvetáieva.
A súa visita permitirá reflexionar sobre o papel da tradución como forma de comunicación cultural e vía para incorporar ao noso ámbito literaturas e experiencias históricas doutros espazos europeos. A programación inclúe a conferencia inaugural do curso 2026-2027 do Mestrado Universitario en Estudos da Literatura e da Cultura (MELC), o martes 20 de outubro ás 15.00 horas na Sala Académica da Facultade de Filoloxía, baixo o título ‘Elogio del desarraigo’.
Esa mesma noite, Zgustova presentará en Follas Novas o seu libro La traductora de haikus. O seu labor como tradutora foi recoñecido cos premios Ciutat de Barcelona e Ángel Crespo, e en 2004 recibiu o Gratias Agit do Ministerio de Asuntos Exteriores da República Checa.
Como escritora, Zgustova cultivou a novela, o ensaio, a reportaxe literaria, a biografía e o teatro, abordando temas como o exilio, o desarraigamento, a identidade e a memoria histórica. Entre as súas publicacións destacan La mujer silenciosa, La noche de Valia, Las rosas de Stalin, La intrusa, Vestidas para un baile en la nieve, Nos veíamos mejor en la oscuridad e Soy Milena de Praga (2024).
Ademais, é comentarista e articulista cultural con colaboracións en medios como El País e La Vanguardia, e a súa actividade como conferenciante levouna a universidades e institucións culturais de Europa e América.




