A Universidade da Coruña (UDC) reforza o seu compromiso coa saúde mental e o benestar emocional da súa comunidade universitaria coa participación na posta en marcha dun protocolo común de acompañamento psicolóxico para o estudantado das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Esta iniciativa, desenvolvida en colaboración co Servizo Galego de Saúde (Sergas), busca mellorar a prevención, a detección temperá e a continuidade asistencial.
Este marco común é froito da aposta estratéxica da UDC pola colaboración interuniversitaria en saúde mental, consolidando a liña de traballo iniciada coa súa pioneira iniciativa Afrontemos. Desde a súa creación en 2021, Afrontemos atendeu 626 solicitudes de información ou atención psicolóxica, prestando acompañamento terapéutico a 577 persoas, sen lista de agarda e cunha primeira cita en menos de quince días.
O programa, desenvolvido pola Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) baixo a dirección de Valentín Escudero, combina atención especializada, prevención, sensibilización, formación e orientación. A UIICF, acreditada polo Sergas como centro sanitario especializado en psicoloxía clínica e sanitaria, achega a súa ampla traxectoria no traballo con infancia, adolescencia, familias e mocidade.
O novo protocolo establece criterios homoxéneos de acceso, avaliación, intervención e derivación, así como mecanismos de coordinación entre os servizos universitarios e o sistema público de saúde. Inclúe atención psicolóxica individual e grupal, actividades preventivas e psicoeducativas, e asesoramento ao estudantado e persoal universitario.
A colaboración entre a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e o Sergas permitirá mellorar a prevención e garantir a continuidade asistencial. O documento integra a experiencia dos servizos universitarios e a evidencia científica dispoñible.




