O programa, que se desenvolverá entre os meses de outubro e novembro de 2026, terá lugar no Centro Arteixo Innovación, situado na Avenida Arsenio Iglesias (Parcela 46) de Arteixo.
A inscrición será gratuíta e poderá realizarse do 19 de setembro ao 1 de outubro. As persoas interesadas poderán inscribirse en liña a través da páxina web universidadesenior.org/arteixo/, ou de maneira presencial e telefónica no Departamento de Educación do Concello de Arteixo.
O programa consta de tres módulos con sesións teóricas e prácticas, impartidas por profesorado da Universidade da Coruña en dous días á semana. Abordaranse temáticas diversas como "O xigante esperto: China, a gran descoñecida", "Arte de vangarda: Manual de instrucións", "As consecuencias do delito: da privación de liberdade a outras sancións restritivas de dereitos", "A revolución dixital na xestión da auga", "O coche do futuro moverase con hidróxeno?", "Economía aplicada e transición ecolóxica: enerxías renovables", "A saúde que nace da participación", "Cambio Climático: causas, consecuencias e solucións" e "Evolución ou extinción: eu decido".
O programa formativo rematará cun acto de clausura e entrega de diplomas o día 13 de novembro de 2026.
Con esta iniciativa, a Universidade Sénior busca achegarse ás persoas maiores de 50 anos de Arteixo e da súa contorna, respondendo ás súas inquedanzas e necesidades formativas, tal como vén facendo dende a súa primeira edición en 2018.




