A Semana Europea da Mobilidade chega á súa fin de semana na Coruña cunha variada axenda de actividades abertas á cidadanía. Roteiros, patinaxe, propostas familiares e cine terán lugar dende hoxe venres ata o domingo, coa praza de Tabacos como epicentro, onde o Concello dispón dunha carpa triple e outra multiusos con exposicións e actividades permanentes.
A xornada deste venres comezou pola mañá coa xornada 'Mobilidades invisibles', organizada por Mobi-Liza no MUNCYT, centrada en abordar as necesidades de desprazamento na cidade. Tamén houbo unha marcha nórdica organizada pola Asociación Montañeiros Independentes (AMI), actividades de educación viaria e ambiental, e visitas ao CIMoB. Pola tarde, a Asociación Galega de Axedrecistas organizou un torneo Blitz.
As principais citas da xornada nocturna inclúen a proxección de ‘El 47’, de Marcel Barrena, ás 20.30 horas na praza de Tabacos. A película reflexiona sobre o papel do transporte público para conectar barrios. A sesión, presentada por Javier Trigales, inclúe aperitivos e o sorteo dun bono de autobús de 200 viaxes.
A continuación, ás 21.30 horas, Galicia Rollers sairá desde María Pita coa Friday Mobility Night, unha proposta lúdica e reivindicativa do uso de mobilidade sostible pola cidade de noite.
O sábado, o cine familiar chega coa proxección de ‘E.T. El extraterrestre’, de Steven Spielberg, ás 20.30 horas, reivindicando a bicicleta como símbolo de liberdade e mobilidade sostible. Repartiranse flocos de millo e sortearase unha bicicleta pregable.
O sábado pola mañá, ás 11.00 horas, terá lugar o Roteiro Veciñal pola Rolda Peonil, organizado pola Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e a A. C. Donaire, partindo da Biblioteca Municipal da Sagrada Familia. O percorrido de 3,5 quilómetros conecta cinco barrios e busca facilitar os desprazamentos a pé.
A programación do sábado tamén inclúe o contacontos 'O mestre da mobilidade' ás 12.30 horas e, pola tarde, un circuíto de habilidades ciclistas na praza de Tabacos.
O domingo, a xornada estará orientada ás familias. Ás 11.00 horas, Galicia Rollers sairá desde María Pita coa Ruta Familiar da Mobilidade, un percorrido sinxelo e inclusivo. Paralelamente, na praza de Tabacos, haberá un circuíto de habilidades e exhibición de vehículos de mobilidade persoal a cargo de VMP Coruña.
A praza de Tabacos funcionará como punto de encontro durante toda a fin de semana, acollendo exposicións sobre calidade do aire, o CIMoB, educación viaria da Policía Local, transporte urbano e BiciCoruña. Tamén conta cunha ortofoto da cidade e un xadrez xigante feito con rodas recicladas.
O Concello, en colaboración coa Compañía de Tranvías, sorteará bicicletas pregables e bonos de autobús de 200 viaxes entre os participantes das actividades. A programación culminará o martes 22 co Día sen Coches na rúa Concepción Arenal.




