O novo espazo sitúase nunha zona de elevada demanda, próxima ao Centro de Saúde, á Garda Civil, á Oficina de Turismo e a numerosos establecementos hostaleiros. Con esta nova infraestrutura, o Goberno local continúa avanzando na súa política de creación de aparcamentos disuasorios, unha das principais liñas de actuación para favorecer a mobilidade, mellorar a circulación e facilitar o acceso aos servizos e comercios do municipio.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que "o aparcamento era un dos principais problemas de Arcade e un dos grandes retos deste Goberno foi sempre buscar espazos e mellorar as zonas de estacionamento do noso concello. Hoxe podemos dicir que Soutomaior conta con case 200 prazas máis que cando chegamos ao Goberno, e iso é posible tamén grazas á xenerosidade da veciñanza que cede gratuitamente as súas parcelas para poñelas ao servizo de todo o municipio".
Lourenzo subliñou que Arcade dispón na actualidade de preto de 400 prazas de aparcamento a menos de cinco minutos do seu núcleo urbano, tomando como referencia a Alameda de Talo Río. Unha rede de espazos que, xunto coa implantación da zona azul e a creación de aparcamentos disuasorios, está a contribuír a resolver un problema que durante anos condicionou a mobilidade e a actividade comercial e social da vila.
"Co esforzo de todas e todos estamos deixando atrás unha situación na que os problemas para aparcar eran unha constante. Grazas á zona azul e aos novos aparcamentos disuasorios, Soutomaior ten practicamente superado esta dificultade, aínda que seguimos traballando para mellorar", sinalou o alcalde.
Neste sentido, o Goberno local continúa avanzando nos traballos para habilitar un novo aparcamento urbano en Arcade, co obxectivo de reforzar a oferta de estacionamento e dar resposta aos últimos problemas de aparcamento que aínda persisten no núcleo urbano. O Concello reafirma así o seu compromiso cun modelo de mobilidade máis ordenado, cómodo e accesible, que facilite o día a día da veciñanza e das persoas que se achegan a Arcade para utilizar os seus servizos, realizar compras ou desfrutar da hostalería local.




