O Concello de Soutomaior vén de sacar a licitación o proxecto de humanización das rúas Portas e Lavandeira, en Arcade, cun orzamento próximo aos 470.000 euros. A intervención abrangue o tramo do Camiño Portugués que comeza no Campo da Feira e continúa pola rúa Portas ata a rúa Lavandeira, chegando ao cruzamento coa N-550.
O proxecto contempla unha transformación integral deste percorrido, que na actualidade presenta un pavimento fundamentalmente asfáltico, rúas estreitas e beirarrúas puntuais sen continuidade, o que dificulta a circulación segura dos peóns. Trátase, ademais, dun itinerario de especial importancia pola súa condición de parte do Camiño Portugués e polo tránsito habitual de peregrinos, así como pola presenza de varios albergues na zona.
A actuación permitirá renovar os pavimentos e configurar unha plataforma única, eliminando as diferenzas entre calzada e espazos peonís e favorecendo unha convivencia máis segura e ordenada entre os distintos usos. Os acabados estarán adaptados ao carácter histórico e patrimonial do Camiño de Santiago, seguindo as recomendacións da guía de actuacións neste itinerario.
“"Queremos un Camiño de Santiago máis seguro, accesible e pensado para as persoas."
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destaca a importancia desta intervención para seguir transformando Arcade e mellorando os espazos públicos. "Estamos a dar un paso importante na recuperación dun espazo que forma parte da identidade de Arcade e que, ademais, é unha das portas de entrada do noso concello para milleiros de peregrinos", sinalou. O rexedor engadiu que "esta actuación vai permitir gañar espazo para as persoas, mellorar a accesibilidade e ofrecer unha contorna máis amable tanto para a veciñanza como para todas as persoas que percorren o Camiño Portugués. Apostamos por un modelo de vila máis humana, con espazos públicos de calidade".
Durante a execución dos traballos non se interromperá o paso dos peregrinos, xa que se adoptarán as medidas necesarias para garantir que poidan continuar o seu percorrido con seguridade.
O Concello de Soutomaior continúa así avanzando na mellora dos espazos públicos de Arcade, apostando pola mobilidade peonil, a seguridade viaria e a posta en valor do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio. A actuación está financiada con fondos propios, o Plan +Provincia e unha subvención da Deputación de Pontevedra.




