Durante a xuntanza, celebrada onte, os entomólogos da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (Regavivec) expuxeron os resultados das mostraxes realizadas ao longo deste ano. Obtíveronse resultados positivos en 19 concellos, dos cales a presenza do vector se confirmou por primeira vez en dez: A Coruña, As Neves, Baiona, Marín, Mondariz, Mondariz-Balneario, Pazos de Borbén, Pontevedra, Soutomaior e Tomiño.
Estes municipios súmanse aos 12 nos que xa se confirmara a presenza da especie: Bueu, Cangas de Morrazo, Moaña, Mos, O Porriño, Poio, Ponteareas, Redondela, Salvaterra de Miño, Tui, Vigo e Vilaboa. Polo tanto, son 22 os municipios galegos nos que existe evidencia de detección do mosquito tigre, aínda que o seu grao de asentamento deberá determinarse ao longo dos próximos anos.
A Consellería de Sanidade presentou os datos sobre a expansión progresiva do mosquito tigre en Galicia desde a súa primeira detección en 2023. A comparativa dos mapas dos concellos nos que se notificaron a través da aplicación Mosquito Alert con aqueles nos que Regavivec confirmou a presenza da especie amosa unha expansión progresiva do vector na comunidade, en consonancia co que acontece en España e Europa.
O comité abordou igualmente os resultados da vixilancia epidemiolóxica das enfermidades que pode transmitir este mosquito, como o dengue, o zika e o chikungunya. Segundo se trasladou na reunión, todos os casos de arboviroses detectados en Galicia ata o momento foron importados.
O Comité Técnico Interdepartamental do Mosquito Tigre é un foro de intercambio de información e coñecemento entre os organismos implicados, así como de coordinación das actuacións de vixilancia e control nas zonas con presenza da especie. Nesta última reunión foron convocados diferentes departamentos da Xunta de Galicia, Sanidade Exterior e as administracións locais dos 22 concellos afectados.
Desde o comité destacouse a importancia de manter informada á cidadanía sobre as medidas de prevención fronte ao mosquito tigre. Para iso, a Dirección Xeral de Saúde Pública pon á disposición da poboación e dos concellos, a través da súa web, materiais como carteis e trípticos. Como novidade este ano, publicáronse tamén boletíns informativos cos resultados da campaña de vixilancia.
De cara a 2027, reforzaranse as actividades de información e formación dirixidas tanto á cidadanía como a colectivos específicos, entre eles Protección Civil, persoal das oficinas de farmacia e profesionais das distintas áreas sanitarias, con especial atención á provincia de Pontevedra, onde se concentra actualmente a presenza confirmada do vector. Así mesmo, prevese manter unha rede sentinela de trampeo durante os próximos meses co obxectivo de detectar de forma temperá a actividade do mosquito tigre no vindeiro ano.




