No encontro, organizado pola Asociación Galega Contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM Galicia), a Xunta destacou que a nova estratexia ten como obxectivo garantir a atención multidisciplinar. Para iso, Galicia conta con tres unidades de referencia distribuídas nas áreas sanitarias de Santiago de Compostela e Barbanza, A Coruña e Cee, e Vigo.
Alfredo Silva tamén sinalou os avances no diagnóstico xenético mediante a definición dun circuíto asistencial común para todas as áreas sanitarias, facilitando o acceso aos estudos xenéticos independentemente da residencia do paciente. Ademais, recordou a incorporación en 2023 da atrofia muscular espiñal ao programa galego de cribado neonatal, o que permite detectar a enfermidade antes da aparición dos síntomas e iniciar o tratamento precozmente.
Sobre a rehabilitación, o director xeral explicou que a colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas permitiu poñer en marcha este ano un programa de rehabilitación funcional domiciliaria para pacientes pediátricos con enfermidades raras. Na súa intervención, Silva agradeceu a participación dos profesionais do Hospital Público Álvaro Cunqueiro e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.




